miércoles, 18 de marzo de 2015

Manifesto Folga 24 de marzo


As organizacións sindicais e estudantís galegas acordaron convocar folga en todas as universidades públicas galegas e para todo o seu persoal o próximo 24 de marzo.

1. O Goberno do estado acaba de aprobar o RD 43/2015 (3+2) modificando a ordenación das ensinanzas universitarias coa oposición de toda a comunidade universitaria, da Conferencia de Reitores (CRUE) e de todos os partidos e forzas sindicais, sen dar un debate político nin social nun tema que trastorna de xeito radical a universidade. Faise tamén sen unha avaliación da implantación da aplicación do proceso de "Bolonia", cunha clara vontade de degradar as titulacións e reducir a calidade das universidades públicas. Facilita igualmente a expansión das universidades privadas no ámbito dos mestrados e titulacións curtas, única forma de que compitan coa oferta das universidades públicas con profesorado máis cualificado e ata os últimos tempos con prezos máis educación e investigación

2. Xa a reforma implantada co Real Decreto-Lei 14/2012 das taxas universitarias e o encargo docente do profesorado atacaran os outros dous factores de competitividade das universidades públicas: os prezos e un equilibrio na actividade docente e investigadora que permite ofrecer unha docencia de calidade. Ao encarecemento das taxas e ao empeoramento das condicións de traballo do profesorado, súmase agora un ataque frontal ao sistema de titulacións.

3. Nos últimos meses de mandato, o Goberno do estado quere aínda aprobar dous reais decretos que modificarán os requisitos para a creación de centros e universidades e o sistema de acreditación do profesorado universitario funcionario, requisito para o acceso á
profesión docente e investigadora. Co primeiro, na práctica, busca flexibilizar as condicións para a creación de novos campus privados, afondando nunha dinámica que levou a que se creasen 14 universidades privadas novas nos últimos 14 anos, mentres o número das públicas se mantiña estábel.

4. A proposta ministerial de Real Decreto de acreditación do PDI estabelece un sistema menos obxectivo, menos transparente e menos imparcial e continúa subestimando a actividade docente fronte á investigación.

5. En Galiza, o goberno da Xunta colabora activamente nesta cruzada contra o papel da universidade. A eliminación precipitada de titulacións, polos límites de alumnado imposto, faise cando aínda acaban de rematar en moitas titulacións as primeiras promocións de estudantes do Plan Bolonia e impide a consolidación da oferta educativa. As taxas de segunda matrícula e sucesivas e as de mestrado alcanzan unhas contías que superan amplamente as da maioría de países europeos.

6. Tamén os recortes impostos pola Xunta de Galicia foron intensos: 86 millóns de euros menos de financiamento das universidades en tan só cinco anos. O anuncio de que o novo Plan de Financiamento en negociación non vai mellorar a baixísima porcentaxe do PIB destinado ao ensino universitario e camiña cara a consolidar a aposta por un financiamento variábel crecente, mentres que o estrutural non cobre os gastos básicos de funcionamento das universidades.

A implantación de Boloña (1 ano menos de estudos) e a crise fixeron que as universidades galegas perdesen 5053 estudantes (-7,26%) desde o curso 2009/10. As taxas e bolsas seguen impedindo o acceso a unha formación completa ao estudantado  con menos recursos económicos. Os e as estudantes galegas perderon un 17,7% das bolsas de mobilidade ERASMUS en 2013/14 (mentres que a media estatal foi do -7%).

O PDI das universidades galegas é o segundo máis envellecido do estado. Hai 350 postos de traballo menos nunha espiral de falta de renovación e promoción que pon en risco a continuidade de titulacións e a da actividade investigadora.

Galicia perdeu tamén 1287 investigadores e investigadoras entre 2010 e 2013. O investimento en I+D descendeu pasando de ocupar a posición 7 ao número 11, cun recorte de case o 20% que dobra a media dos recortes do resto do estado.

Por todo iso, facemos un chamamento á comunidade universitaria a sumarse á folga do vindeiro 24 de marzo e a participar nas mobilizacións e á sociedade, en xeral, a acompañarnos na defensa das universidades públicas, necesarias para o futuro do noso país.

Non ao Decreto 3+2

Non aos recortes en educación e investigación

Non á privatización do ensino universitario
Non á precariedade laboral

Por unha equiparación das taxas de grao e mestrado.

Por unha política de bolsas que incremente o número e contía e
garantan un acceso real ao ensino público superior.

Por un sistema universitario galego cun financiamento estrutural
estábel e suficiente.

Por unha política de dotación de persoal que permita a renovación e
garanta o mantemento das titulacións e o impulso da I+D.

As Universidades galegas polo ensino público para todas e todos, contra os recortes e por unha sociedade máis formada e cunha investigación de calidade.

CIG Ensino, CCOO, UGT, CSI-F
Comités, Liga Estudantil Galega, AGIR, Sindicato de Estudantes, Acción
Universitaria

Coa túa opinión traballamos mellor

Publicar un comentario

Coa túa opinión traballamos mellor, grazas.