miércoles, 8 de marzo de 2017

8 de marzo. Día Internacional da Muller


Máis igualdade
Hoxe en día, ter un traballo e un salario non garante unhas mínimas condicións de vida porque os ingresos non abondan para cubrir as necesidades básicas das mulleres. Esta realidade, xunto coa destrución de emprego, o traballo a tempo parcial, a eventualidade e a segregación ocupacional, configuran un panorama no que é difícil pensar sequera en ter fillas ou fillos.

Galicia despobóase, a media de idade aumenta. Galicia empobrécese porque as mulleres se empobrecen, vítimas da precariedade. Son imprescindibles políticas públicas que creen emprego de calidade e que corrixan con efectividade a desigualdade. Mentres non se actúe nesa dirección, as galegas seguirán abocadas á pobreza e á emigración.

Cada ano, a Secretaría da Muller do Sindicato Nacional de CCOO fai balance da situación das mulleres no emprego, con especial atención á calidade dos postos de traballo, ás diferenzas salariais, a como incide o desemprego entre a poboación feminina ou a que sectores están máis ou menos feminizados. Esta valiosa información bota luz sobre as brechas estruturais de xénero que perpetúan unha división sexual do traballo.

Coa contundencia dos datos, podemos describir con fidelidade a dura realidade en que viven as mulleres galegas. Un país que non inviste na creación de emprego e no benestar das persoas, que non fai esforzo ningún para corrixir a desigualdade e a discriminación, ten un futuro escuro. É unha anomalía que perdura no tempo e conforma unha realidade de desemprego, precariedade, segregación ocupacional e pobreza salarial. E como adoita suceder, a realidade, tan teimuda, acábanos por dar a razón.

As dificultades para poder vivir do seu traballo, a falta de oportunidades e de emprego digno e con salario suficiente empurran a mocidade á emigración. Así é como se chama, non «mobilidade exterior». As mozas e mozos que teñen que marchar á procura de oportunidades noutros países son emigrantes económicos. Coa súa partida, Galicia perde capital humano, intelectual e profesional, amais de provocar un drama persoal a estas persoas e as súas familias.

Os datos do Instituto Galego de Estatística revelan que, desde o ano 2010, residen en Galicia 79.128 persoas menos, das que o 48,52 % serían mulleres. A poboación feminina mingua, especialmente no tramo en idade legal para traballar, con maior incidencia na franxa de 20 a 34 anos. A idade media das mulleres galegas estaba nos 46,4 anos en xaneiro do 2010 e cinco anos máis tarde subía ata os 47,8 anos.

A poboación estranxeira ten un peso pouco significativo en Galicia en comparanza coa media estatal. Ata o 1 de xaneiro de 2016 representaba o 3,2 % da poboación total, mentres que no conxunto do estado se triplica ata o 9,5 %. Peso escaso que, á luz dos datos, intuímos que segue a baixar: desde xaneiro de 2010 hai empadroadas en Galicia 21.704 persoas menos de nacionalidade estranxeira. Por riba, Galicia está á cola do estado canto ao número de persoas refuxiadas que acolle.

Os datos demográficos de Galicia amosan unha dura realidade de descenso de natalidade e envellecemento da poboación, de incapacidade de fixar poboación moza e inmigrante. Isto é indiscutible e débese á falta de expectativas laborais e a imposibilidade de desenvolver un proxecto de vida. A precariedade laboral, a temporalidade ou os atrancos para conciliar vida laboral e familiar tampouco axudan.

Mención á parte merece a fenda salarial. As mulleres galegas cobran un 22,1 % menos que os homes, e ademais son maioría nos tramos salariais máis baixos. Segundo fontes da Axencia Tributaria, o 36,34 % das mulleres asalariadas teñen ingresos igual ou por debaixo do salario mínimo interprofesional. Isto chámase pobreza salarial, mulleres pobres con traballo.

Esta é a realidade que lle queremos amosar ao presidente da Xunta, a realidade que Núñez Feijóo non coñece ou non quere ver. Cando se fan discursos mostrando preocupación polo problema demográfico pero durante anos non se poñen en marcha medidas estruturais para modificar a realidade, entendemos que non é unha preocupación real.

Xa fracasaron dous plans de dinamización demográfica —ampuloso título para ridículas accións— do Goberno, por iso CCOO esixe este 8 de marzo medidas efectivas de carácter estrutural. Afrontamos a realidade que evidencian os datos, por iso esiximos investimentos en políticas públicas que eliminen as desigualdades e xeren empregos cos que as mulleres poidan emprender proxectos vitais e se fixe poboación no noso país.

Coa túa opinión traballamos mellor

Publicar un comentario

Coa túa opinión traballamos mellor, grazas.