sábado, 14 de abril de 2018

Mobilizacións Por Pensións Dignas



CCOO e UGT chaman á mobilización este domingo nas cidades e vilas galegas para demandar unhas pensións dignas
  • Concentracións e manifestacións na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Foz, Ourense, O Barco, Vilagarcía, O Grove, Pontevedra e Vigo
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e UGT-Galicia chaman a cidadanía a participar o próximo domingo, día 15, nas mobilizacións convocadas nas cidades e vilas galegas para demandar unhas pensións dignas. Afirman que o Goberno debe rectificar e revalorizar as pensións para garantir o seu poder adquisitivo e a viabilidade do sistema público de pensións.

Estas mobilizacións dan continuidade á campaña desenvolvida desde o pasado mes de setembro a prol do traballo e das pensións dignas. Ademais, CCOO e UGT situarán estas reivindicacións como un dos eixes do próximo Primeiro de Maio.

Para ambos os sindicatos, as medidas adoptadas polo Executivo nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) nesta materia son «parciais e insuficientes»: non van solucionar o problema presente e futuro das pensións.

Desde a reforma das pensións do ano 2013, as persoas pensionistas perden poder adquisitivo e ven como o Goberno saca diñeiro do peto das pensións mentres rescata autoestradas. A propia OCDE afirma que a revalorización mínima das pensións debe ser a dos prezos, que xa é superior ao 1,6 %; porén, decidiuse subilas un 0,25 %, unha media de 1,6 euros ao mes.

As medidas previstas nos orzamentos estatais son «curtopracistas, discriminatorias e electoralistas, moi afastadas do que propuxemos CCOO e UGT», denuncian os sindicatos. Reivindican que os OXE inclúan a revalorización das pensións en base ao IPC, a revisión das fontes de financiamento do sistema e a fin do déficit da Seguridade Social. Deberan tamén prever a eliminación dos copagamentos farmacéuticos e refrotar o sistema de protección por desemprego.

A sociedade está farta de escoitar que o sistema de pensións non é viable. España destina ás pensións, na actualidade, entre 3 e 4 puntos menos do PIB que Italia, Francia ou Alemaña; polo tanto, hai marxe. O sistema público de pensións constitúese como un sistema solidario e como principal fonte do estado de benestar; está baseado na solidariedade de toda a sociedade e o problema das pensións non é de diñeiro, senón de falta de vontade política do Goberno e dos partidos que aproben finalmente os OXE.

O problema de ingresos hai que acometelo quitándolle á Seguridade Social gastos que non lle corresponden, como os da súa propia estrutura, que deben ir a conta dos OXE. CCOO e UGT insisten en que non se pode seguir xogando coas pensións. Se o país xera riqueza hai que repartila. Hai que lembrar que na actualidade, en Galicia, a pensión media non supera os 788,49 euros (918 euros no Estado) e que o 64 % das pensións galegas (o 50 % das estatais) non chegan ao SMI.

Para CCOO e UGT, é a hora de ir «á ofensiva» en defensa das pensións. «O 15 de abril hai que encher as rúas de xuventude, pensionistas, xubilados, homes e mulleres decididos a loitar para reverter os recortes e recuperar dereitos», conclúen os sindicatos.

MOBILIZACIÓNS

— A Coruña: concentracións ás 12 horas no Obelisco
— Ferrol: manifestación ás 12 horas desde a praza de España
— Santiago: manifestación ás 12 horas desde a praza de Cervantes
— Lugo: manifestación ás 12:30 horas desde o edificio da Xunta
— Ourense: concentración ás 12 horas na praza Maior
— Pontevedra: concentración ás 12 horas na praza de España
— Vigo: concentración ás 12 horas diante do museo MARCO
— Concentracións ás 12 horas diante dos Concellos de Viveiro, Foz, O Barco de Valdeorras, O Grove e Vilagarcía de Arousa


Coa túa opinión traballamos mellor

Publicar un comentario

Coa túa opinión traballamos mellor, grazas.