CCOO: Compromiso coa funcionarización voluntaria, sen perda de dereitos e de recoñecemento da promoción do persoal.
A Universidade de Vigo non é un ente illado do resto de universidades e da sociedade. Por iso CCOO, sindicato maioritario no sector do ensino superior, seguirá traballando por:
• Rexeitamento do modelo 3+2 proposto polo Goberno actual.
• Derrogación do límite na taxa de reposición que, vinculado ás reducións orzamentarias e medidas «excepcionais» impostas polo RDL 14/2012, contribúen á deterioración do modelo de universidade pública e, consecuentemente, ás políticas de precariedade laboral que vimos sufrindo dende hai anos.
• Fin dos recortes financeiros e salariais na nosa universidade.
• Pacto que blinde unha universidade pública, gratuíta e de calidade.
• Estabilidade e seguridade no emprego: que todos os postos estruturais sexan ocupados por persoal do capítulo I.
• Promoción da cultura da profesionalidade, o recoñecemento e a motivación.
• Substitución de cargos académicos por postos profesionais
En CCOO pensamos que estas melloras teñen que traducirse axiña na nosa universidade en medidas concretas que xa non se poden seguir adiando.
Propoñemos:
Traballar pola estabilización do persoal con propostas construtivas e responsables nos procesos de negociación en marcha, relativos á elaboración de cadros de persoal e de funcionarización do persoal laboral.
Funcionarización
Dende a Sección Sindical de CCOO levamos décadas traballando pola funcionarización do persoal laboral. Sempre consideramos que cumpría dar pasos en firme cara á estabilización de todo o colectivo e, sobre todo, sempre entendemos as vantaxes que tanto para o cadro de persoal como para a institución significa a existencia dun único modelo xurídico de empregado/a público/a. Simplificaríanse moito todos os procedementos de xestión dos recursos humanos, o que sen dúbida se traduciría nunha maior transparencia nos procesos de selección e provisión de postos de traballo, coa conseguinte diminución da conflitividade laboral.
CCOO sempre apostou por un proceso de funcionarización voluntario destinado ao persoal laboral fixo e que inclúa unha garantía plena de todos os dereitos económicos e laborais. Ou, dito doutro xeito, non negociaremos ningún proceso de funcionarización que supoña minoración ningunha dos dereitos adquiridos ata o momento.
Tamén esixiremos que se garantan completamente os dereitos de todo o persoal laboral que decida non participar no proceso de funcionarización.
Dende CCOO reclamamos un proceso de funcionarización que recolla o dereito que, conforme á lei, ten a universidade de crear escalas propias, e que se inclúa dende o momento inicial a posibilidade de promoción real para un colectivo que leva moitos anos sufrindo a falta de procesos de promoción ou de transformación de categorías.
Dende CCOO reclamamos que o aforro orzamentario que suporá o proceso de funcionarización do persoal laboral reverta na mellora do noso colectivo.
Dende CCOO reclamamos que, antes da funcionarización, se convoquen os procesos de promoción interna para respectar o dereito á promoción do persoal laboral fixo. Dende CCOO rexeitamos as malas prácticas que rematan na creación de persoal laboral fixo de grupos superiores por sentenza xudicial ou a reconversión de prazas en capítulo I sen respectar os criterios negociados canto á provisión de postos de traballo.
Fomentar a convocatoria de procedementos de promoción interna mediante concurso de méritos, independentemente da negociación, e fomentar a promoción horizontal que recoñeza as melloras continuas da traballadora e traballador no seu posto de traballo.
¡VOTA CCOO!
Ante os próximos catro anos e coa posibilidde de Funcionarización nas portas. A miña pregunta sería ¿ pensades afrontar a situación de xeito fragmetado (como ata agora) ou tedes pensado facer un Comité Intercentros? Os sindicatos sempre manifestachedes que a unión fai a forza pero...
ResponderEliminargrazas